Daniel Salgado

18 de abril de 2021 06:00 h

0

Lois Pereiro pasea por París. Setembro, 1989. Aínda non publicou ningún libro. Ao xeito do seu adorado Baudelaire, é un flâneur, observador atónito, asombrado ante o que o rodea pero sobre todo ante si mesmo. Centroeuropa como espello dunha intimidade fanada pola doenza e a adicción. Pequenos cadernos sérvenlle para anotar o mundo, ese mundo. “Non me importa o lugar do que veño, non me importa o lugar ó que vou; por qué sigo en pé en calquera parte na que estou?”, escribe nun bar da capital francesa. Inéditos até agora, a 25 anos da súa morte, a editorial Chan da Pólvora vén de rescatar os diarios de viaxe dun poeta marcado pola cultura post punk e fundamental para a poesía galega actual.

“Maintenant, c'est fini / Le voyage est là haut [Agora, rematou / A viaxe é o cumio]”, comezan os apuntamentos no tren que, por Irún (Euskadi), chega a Francia. Datados entre 1989 e 1996, estes Cadernos persoais -así é o título; a edición, do escritor Héctor Cajaraville- testemuñan a andaina do poeta por Francia, Reino Unido, Bélxica e Alemaña. A maiores, inclúe un dietario que inaugura no Nadal de 1995 e recolle os derradeiros escritos do autor: unha mestura de axenda de ocupacións, recoñecemento aos seres queridos e auscultación do propio estado de ánimo. “(Síntome nunha calma nerviosa pero prudente)”, di o martes 19 de marzo de 1996. Morrería apenas dous meses despois na Coruña, con 38 anos de idade. En 2011 protagonizou un dos máis populares Día das Letras Galegas dos que hai memoria e a súa figura difundiuse fóra de Galicia en numerosas traducións.

O período que percorren os cadernos coincide co da publicación dos seus dous libros de poemas, Poemas 1981/1991 (1992) e Poesía última de amor e enfermidade (1995). O poeta que non sabía, nin quería, separar a vida da obra emerxe nas súas páxinas. “Pero eu tampouco creo que o autor e a súa obra poidan separarse, como fai un carpinteiro ou un funcionario de Correos despois de ter rematado o seu traballo. De feito creo cada vez máis na íntima relación estética e moral dun artista e a súa arte”, explicáballe en 1985 ao xornalista, e amigo íntimo, Manuel Rivas. Frases que logo serán versos, bosquexos de poemas, aforismos apañados en autores como Peter Handke ou Paul Celan, amigos que veñen e van, o mesmo ambiente cosmopolita, políglota e existencialista que atravesa a súa poesía de sangue e metal, son algúns dos materiais consignados nestes diarios.

“Ise exilio interior que vive Europa, ese hábito de construír paraísos para podelos destruír”, declaraba na mesma entrevista con Rivas. Vaino comprobar na propia pel. Pasa por Düsseldorf, Hamburgo -o barrio vermello de Sankt Pauli-, Köln, Lovaina, Londres ou Aquisgrán. Esas cidades forman tamén a xeografía de cemento, angustia e historia en que deron por se asentar o seus poemas. Porque nos cadernos respira, de certa maneira, unha exhibición de vida e curiosidade polo exterior, que contrasta coa continuada presenza da morte, case como un presentimento. “Pero eu son L. Pereiro, o próximo cadavre”, escribe en marzo de 1991. Non falta nin un ano para que o seu primeiro libro confirme a estatura do escritor, cuxo traballo até ese intre aparecera en revistas e volumes colectivos. Cinco anos máis tarde estará morto.

A Pereiro determinouno a literatura de Mitteleuropa e a música derivada do punk. PiL, Joy Division ou os Sex Pistols comparecen na súa escrita ao carón de Rilke, Brecht ou Ánxel Fole. Atrapado polas enfermidades do capitalismo industrial -padecía sida, pero a súa morte deberase finalmente ás complicacións derivadas do aceite de colza-, diagramou unha poesía aguda como bisturí, confesional aínda que simbolista, poucas veces hermética. E, malia converter os seus libros, indica o editor dos cadernos Héctor Cajaraville, “en viaxes cara ao seu propio interior”, sempre atendeu ao proceso histórico. A súa perspectiva era libertaria. Non por acaso saúda nun poema esperanzado a insurrección do Exército Zapatista de Liberación Nacional que, en xaneiro de 1994, decreta o inicio das hostilidades globais contra o neoliberalismo. “En Alemaña hai no ar a violencia da revolta interior do seu espírito”, observa en setembro de 1989. “En Irún, en el electro, la miseria de varios portugueses que van a mi lado despierta en mí sombras antiguas, hace brotar la hiedra de lo evidente olvidado”, anota noutro momento.

Pero estes Cadernos persoais son, tamén, o obradoiro do poeta. Ideas para relatos nunca escritos, fulguracións e epifanías, rastros de lecturas e unha muller que pasa, anacos de canción, reflexións sobre o que mira, calquera cousa é digna de ser inscrita. “Creo que rachan o clixé que existe sobre el, o do poeta maldito e enfermo”, considera Cajaraville, “porque neles hai moito humor, unha persoa que goza descubrindo lugares novos, moita vida. Ademais, poden axudar a completar a visión sobre a súa obra”. O editor, que se encargou de transcribir uns diarios manuscritos de caligrafía endemoñada, intúe que neles se percibe “a simbiose entre o que escribe para si mesmo e o que escribe para publicar”.

Nun poeta como Pereiro esa liña difumínase. A súa poesía, especialmente Poesía última de amor e enfermidade, é como notas ao pé dos días. E os seus diarios ás veces adoptan forma de poema. “Eu creo que os cadernos non conforman tanto un laboratorio como un almacén con materiais para máis tarde desenvolver”, puntualiza Cajaraville, “pero si que me dan a entender que os poemas de Pereiro teñen unha orixe visceral, de inspiración, máis que un traballo miúdo”. Hai unha década que manexou estes apuntamentos por primeira vez. Transcribiunos, colocou as notas e traduciu -con apoio, di- os fragmentos en inglés, francés e alemán. Pero o traballo quedou nun caixón. Agora recuperouno Chan da Pólvora, a editorial que dirixe o tamén poeta Antón Lopo e, como Lois Pereiro, tamén de Monforte de Lemos.

Cadernos persoais incorpora ademais reproducións fotográficas dos mesmos e tres textos agrupados baixo o epígrafe Contornas. Un escribiuno o propio Cajaraville, É que fun deus algunha vez?, e relata a peripecia editorial do volume e a súa propia lectura de Pereiro. O segundo é de Fernando Saco, amigo do poeta e compañeiro de periplos: As viaxes de Lois Pereiro por Europa. O terceiro e peche titúlase O Lois viaxeiro e asínao a súa irmá Inés. Remata: “Terrazas, cervexas, caderniños, poesía, pés mallados de andar, un calvados, prazas, cemiterios… Estes son os recordos que teño das miñas viaxes con Lois [...] Entendín a súa forma de viaxar, e para ben ou para mal, agora eu non sei facelo doutra maneira”.