Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
La portada de mañana
Acceder
Sánchez rearma la mayoría de Gobierno el día que Feijóo pide una moción de censura
Miguel esprinta para reabrir su inmobiliaria en Catarroja, Nacho cierra su panadería
Opinión - Cada día un Vietnam. Por Esther Palomera
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Capitalismo chatarreiro

Dinero

0

Temos observado que cada vez que hai nos meios de comunicación unha nova rechamante a respeito dun funcionamento deplorábel, abusivo ou mesmo ilegal en empresas, aparecen voces aclarativas (quizabes inxenuas ou mal avisadas) atribuíndo os males ao voraz capitalismo. E, para maior blindaxe da cualificación do feito censurábel, díse: xa se sabe que o capitalismo é selvaxe, depredador, global, neoliberal... calquer cousa que por adxectivar esquece a natureza do capitalismo monopolista na fase actual. O sistema económico que hai hoxe no mundo é capitalismo monopolista. Outro asunto é o rexime concreto que en cada formación social, en cada economía con entidade propria, adopta como forma determinada. As condicións históricas e dotacionais proprias son responsábeis desa forma, o que non quer dicer que se trate dun capitalismo peculiar. É capitalismo monopolista en USA, en República Popular China, en República do Chad, en Andorra e mais no Estado español, e así mesmo na Galiza; ten estrutura económica con características proprias, ás que engadir as explicadas pola súa inserción nos distintos espazos económicos. No caso galego dentro do Estado, na UE e no resto do mundo, alá até onde se estendan as relacións económicas existentes.

Os feitos rechamantes que levamos observado na crise actual, atribuída (ben ou menos ben) á pandemia deixaron transparentar unha restra de debilidades proprias dun capitalismo chambón, chapuceiro, chatarreiro. Estas denominacións non pretenden adxectivar o sistema nen o rexime económico español, senón contribuír a descreber o modo de funcionamento económico en España. Imos deixar fóra de consideración o espectáculo internacional do anterior xefe do Estado en paradoiro oriental e lanzando globos sonda para achegarse a casa en Natal: sen vivenda, sen asignación económica, sen esposa e case sen amigos, agás os de Sanxenxo. É probábel que en países un pouco máis serios, deses da UE que son vellas democracias, estexan bastante perplexos vendo como non resolvemos os nosos problemas institucionais. Este asunto por si mesmo podería constituír unha analise individualizada pero non exenta de humor porque a serio é case inabordábel. O noso obxectivo, ao descreber o capitalismo chatarreiro ou de segunda man que padecemos, precisa dunha posta en precedentes. Diríamos, ao xeito dun conto infantil, que España foi mercar un modelo de capitalismo e tocoulle un cativo de segunda man ou medio deforme. Certo é que en 50 anos houbo que percorrer un camiño que noutros estados tardou 200. Certo que noutras economías foron quen de superar un século XX atravesado por dúas guerras devastadoras. E tamén é evidente que as institucións democráticas teñen un arraigo histórico herdeiro de evolucións máis ou menos traumáticas pero encabezadas popularmente. É dicer, se calquer comparación pode resultar inútil por seren os termos da comparación hetoroxéneos, neste caso é obvio que non procede. Casos de deficiencias no funcionamento democrático nas institucións hai un diario nos meios de prensa. En realidade, son tan comúns que de frecuentes convértense en normais e perden por tanto toda forza de novidade. Que en tal concello o alcalde nega aos membros da corporación documentación administrativa sobre un tema a debater: frecuente e case “normal”. Que en tal ambulatorio non atenden nunca o teléfono posto a disposición dos usuarios: frecuentísimo, “normal”. Que nese mesmo ou noutro ambulatorio contratan o persoal sanitario de forma parcial temporal por horas: “normal”. Que no ensino non cobren as baixas de enfermidade ou de gravidez: “normal”. Que as portas xiratorias entre goberno e grandes empresas son un automatismo español: “normal”. Que hai un 25% de economía submerxida: “normal”.

Mais alguén mal avisado pode crer que estamos exhibindo os defeitos do funcionamento dos servizos públicos e que iso se pode arranxar privatizando: enorme erro. Hai unha serie de vicios de funcionamento que se converteron en prácticas habituais e úteis para o modo de operar das empresas privadas, e xa non é posíbel discernir se temos un Estado débil nunha economía forte ou a economía funciona de forma absolutamente dual segundo sexa o estrato/sector da empresa examinada.

Comezando polas grandes ou moi grandes. É o caso dunha grande empresa instalada en Vigo: usa os ERTE deixando en regulación temporal traballadores antigos e de elevada cualificación, e, ao mesmo tempo, usa traballo temporeiro e parcial (barato) contratado por empresas de traballo temporal. Un banco privado instalado en Galiza é quen de cobrar subvencións para instalar caixeiros en lugares nos que pechou oficinas e logo gabarse de labor social. A 'campechanía' de empresas que estafan por teléfono contratando créditos ao consumo con intereses de usura. A práctica abusiva pero ben coñecida da subcontrata da subcontrata e así sucesivamente até unha secuencia quíntupla. Empresas subministradoras de servizos teléfonicos e de internet que non teñen sede física, non realizan contratos por escrito, non responden como titulares do servizo prestado, e non hai mecanismo legal de curto percurso e sen gasto que facilite a resolución de conflitos ou simples prácticas abusivas. Un outro caso que nos pode maravillar é a elaboración das facturas de subministración de gas e de electricidade. Deixando á parte o monto da factura, que ese é outro tema directamente conectado co aumento da pobreza, no caso dos cálculos dos consumos é habitual que a empresa cobre por consumo estimado: estimado segundo criterio sempre favorábel á empresa, conseguindo con esta práctica un sobreingreso camiño de se converter nunha sobreganancia. En principio xa pode ter un destino financeiro ese sobreingreso aplicado a centos de miles de clientes.

E, finalmente mais non último, como se pode explicar que se teña conseguido ter o pior mercado laboral da UE? Como poderemos esperar que a reforma actual en discusión poida limpar as prácticas enluxadas da actual contratación? Non parece que o asunto do restabelecemnto dun rexime laboral homologábel co europeo poida ser instaurado sen férrea vontade política e coa participación do estado e das empresas e dos traballadores. A primeira proba de fraca disposición é o tamaño do corpo de inspectores de traballo e de subinspectores. O tecido empresarial español a día de hoxe é de 1.492.418 empresas con asalariados; non parece que 1.852 inspectores e subinspectores de traballo poidan realizar as tarefas encomendadas. Cal é a vixilancia do cumprimento das normas laborais?

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats