Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Carta aberta de Greenpeace ao presidente da Xunta de Galicia

Vista de la planta de Mugardos de Reganosa en la ría de Ferrol que recibe barcos metaneros que realizan la descarga de gas natural licuado.

0

Sr. Presidente,

o pasado 25 de outubro, nese foro eminentemente empresarial chamado Alianza Galega polo Clima, anunciou que a Xunta adiantaba unha década o seu obxectivo de acadar a neutralidade climática, isto é, a 2040. A nova é sen dúbida excelente, non só para o medio ambiente senón para a cidadanía e a economía galega. Encaixa mellor coas recomendacións científicas, co que reclamamos organizacións ecoloxistas e está ao alcance de Galicia.

Porén, o importante agora é pasarmos do declarativo ao palpábel. En primeiro lugar actualizando cara a ese 2040 o anteproxecto de Lei do Clima de Galicia e a Estratexia de Cambio Climático e Enerxía 2050, que nin sequera está aínda ao día no compromiso de redución de emisións adquirido pola Conselleira de Medio Ambiente hai máis de dous anos en Glasgow. E en segundo lugar desenvolvendo unha ruta cuantificábel e calendarizada para o abandono progresivo dos combustíbeis fósiles, sen a cal semella imposíbel atanguer o obxectivo anunciado por vostede.

Dende Greenpeace e o Observatorio Galego de Acción Climática vimos de publicar o informe ‘Galicia, máis aló dos combustíbeis fósiles’, unha análise da transición enerxética en Galicia que indica que aínda queda moitísimo por facer. Tres cuartas partes dos recursos enerxéticos transformados no noso país para obter electricidade, combustíbeis e calor para o seu consumo proceden de combustíbeis fósiles importados e unha boa parte son despois novamente exportados. En 2021, o 71% da enerxía exportada dende Galicia correspondeu a produtos petrolíferos e gas, mentres que o 21,9% foi electricidade, non toda ela renovábel.

Este último dato define ben a actual política enerxética da Xunta, que non é coherente co obxectivo anunciado. Por unha banda, séguese a apostar pola industria fósil, mesmo investindo cartos públicos en Reganosa. De feito, o uso de gas fósil en Galicia medrou máis este século que o total de recursos renovábeis. Pola outra, non se está a avanzar na substitución de moitos usos da enerxía fósil que serían electrificábeis, de xeito que se desaproveita o excedente de electricidade renovábel xerado durante parte do ano, pois non todos os meses a xeración eléctrica renovábel cubre a demanda do país.

Todo isto acontece porque o que se podería considerar o único documento de planificación enerxética da Xunta, a Axenda Enerxética de Galicia 2030, é moi deficiente e nada ambicioso. Non concreta metas nin medidas en aspectos tan vitais como a redución da demanda, a súa composición por fontes para cada sector ou a antedita planificación da fin do sector enerxético fósil. Limítase a establecer obxectivos en nova potencia renovábel, pero non formula ningún de electrificación e despreza a diversificación con tecnoloxías como a solar ou ou a aerotermia. Tampouco contempla o autoconsumo e presta pouca atención á descarbonización de edificios, industria, transporte ou agrogandería.

Namentres, as emisións de gases de efecto invernadoiro en Galicia ascenden aínda a 19,1 millóns de toneladas (2021). Isto supón unha redución do 34% a respecto de 1990. Non e mala cifra para avanzar, mais convén lembrar que esta alcanzouse por mor da expansión eólica, máis ca nada dende antes de 2010, e sobre todo do colapso do carbón, o maior fito na loita galega contra a mudanza climática, que nin a Xunta nin ningún partido parlamentario galego desexaba. Moi pouca desa redución debeuse a medidas do seu Goberno.

Un proceso de descarbonización como o que apunta require que todo o sistema enerxético sexa renovábel en 2040, salvo que fagamos trampas e procuremos falsas solucións que nos sairían máis caras. A redución da demanda enerxética, o incremento da produción e uso da enerxía renovábel para a electrificación, o peche das centrais térmicas a gas fósil e da regasificadora, e abrir o debate sobre a fin do refino de petróleo na Coruña deberían estar xa na axenda.

Polo que respecta ao desenvolvemento das renovábeis, Galicia parte dunha boa posición, pero está aínda moi lonxe de satisfacer a súa demanda enerxética con elas. A cota de renovábeis no consumo eléctrico vai por bo camiño, pero só representa unha cuarta parte do consumo total de enerxía no país, de aí a necesidade de electrificar ese consumo sempre que sexa posíbel. Cando non o sexa, hai que ter en conta outras tecnoloxías como o hidróxeno verde, pero só para usos enerxéticos non-susceptíbeis de electrificación directa, non para converter Galicia nun hub exportador.

Cómpre tamén apuntar que malia que a cota de renovábeis no consumo enerxético total galego (43,5%) duplica aproximadamente a media europea e española, que van máis retrasadas que Galicia na transición, aínda está a máis de medio camiño do obxectivo de descarbonización. Non se trata pois de frear o despregamento das renovábeis para equipararnos aos territorios máis atrasados na transición, senón de avanzar como país para chegarmos o antes posíbel a un sistema enerxético 100% renovábel e xusto.

E nisto último tamén hai moito que mellorar. Cómpre democratizar o sistema enerxético para reducir o peso do oligopolio. A cidadanía debe ter tanto capacidade de participación nos proxectos dende o inicio como obter beneficio deles. E tamén é imperiosa unha nova zonificación ambiental para a implantación das renovábeis, con máis zonas de exclusión por motivos ambientais e evitando a recorrente desregulamentación con outras leis. A ampliación da rede Natura, a priorización de zonas degradadas e unha maior proximidade entre as zonas de consumo e de produción son imprescindíbeis para favorecer a eficiencia e a xustiza ambiental. Só así poderemos chegar a unha Galicia descarbonizada en 2040 de forma xusta e facer a nosa parte na loita global contra o cambio climático.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats