Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
La portada de mañana
Acceder
Lobato evita la humillación en el congreso del PSOE y allana el camino para Óscar López
Crónica - València, año cero: un retrato tras la hecatombe
Opinión - El bucle de la M-30. Por Neus Tomàs
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Manu militari

El teniente general Francisco José Gan Pampols, en una imagen de archivo.

0

En Valencia desde o día 29 de outubro, día de comezo da gota fría denominada DINA (depresión illada en níveis altos), sucedéronse unha serie de feitos desgrazados con resultado de mortos, moitos mortos, máis de 215, destrución de vivendas, vehículos arrasados e esmagados, edificios e infraestruturas públicas inservíbeis e tamén construcións civís, de todo tipo e de todo uso, derrubados. Estes feitos son cualificados comunmente de desastre natural. Nós preferimos denominalo desastre tecnolóxico xa que é a combinación perfecta dun fenómeno meteorolóxico extremo cunha acción humana completamente inadecuada sobre o territorio. É dicer: o fenómeno natural (gota fría) bate cunhas construcións nos leitos dos ríos irresponsabelmente permitidas. Se a isto lle engadimos o non saber comunicar, ou simplemente non atender as alertas, dáse a alianza perfecta para un desastre. As mortes das persoas son irreparábeis. Non se poden substituír con nada e agora os efectos materiais do desastre deberán ser reparados para que continúe a vida que quedou nesas localidades.

Despois das chuvias, despois das riadas de lama arrasando persoas, casas e coches como se non houbese fin, apareceu en escena a incapacidade sumada á neglixencia, adubiada coa soberbia dun goberno autonómico en non-uso das súas competencias, capacidades e deberes. E tamén, no mesmo teatro de operacións de imaxe, foi nacendo a máis infame táctica de botar balóns fóra para descargar noutros a responsabilidade non asumida. A comunidade autónoma de Valencia ten competencias para xestionar e gobernar unha situación como a pasada e tamén, se for preciso, solicitar en boa colaboración do Goberno central os medios necesarios para completar as accións emprendidas diante do desastre. O que ninguén pode pensar é que sen facer os deberes outro/os leven a cabo as accións que foron deixadas, abandonadas ou carentes de iniciativa. É inaudito que esa proposta puidese estar presente nas declaracións, debates e propaganda vía redes sociais desde o primeiro momento criando así unha nova invasión de lama, desta vez sobre a información que en democracia debería ser limpa de lixo e aspirante á verdade. O PP, en uso da súa estratexia de acoso e derribo ao goberno lexítimo do Estado, até se permitíu manipular feitos contrastábeis para enluxar a honra e fama dos gobernantes do Estado. Foron rechamantes desde o comezo as declaracións dos valencianos desposuídos de todas as pertenzas pedindo polo exército. Así, en abstracto e en xeral, como se dun deus salvador se tratase. Era unha oración: “Que veña o exército”, como se o depósito de confianza nunha organización superior ás forzas institucionais da Generalitat lograse convocar a paz e mudar a situación. Exército contra caos e desgraza. Tanto os que pedían por el como os que botaban as culpas do sucedido ao Goberno central viron cumpridos os seus desexos co último capítulo desta traxedia con mortes humanas. Non é que a UME (Unidade Militar de Emerxencias) interveña, asunto normal e lóxico: é que chegou o exercito en forma de responsábel institucional ao goberno da Generalitat como vicepresidente para a reconstrución económica e social. Tamén foi nomeado o xeneral Venancio Aguado como secretario autonómico do gabinete.

Quedou en evidencia que a invocación ao exército obedecía a un programa de anulación, desprestixio e desconfianza da capacidade civil en gobernar. No ADN dos pactos con Vox está a negación do Estado das Autonomías, a crenza da posibilidade dunha intervención rápida sobardando toda canta lei de coordinación das competencias exclusivas e compartidas exista, pasando da legalidade estabelecida á intervención por riba e por fóra das institucións competentes. Mesturouse todo: competencia dos órgaos técnicos e/ou consultivos (AEMET, Confederación Hidrográfica) coa competencia legal de xestión, goberno e intervención. Fíxose apoloxía- a mantenta – de inacción do goberno central cando tanto legal como operativamente unha cousa é a competencia e a obriga, da Generalitat, e outra a colaboración, mesmo máxima, do goberno Central. E finalmente, para corroborar con enseñas de extrema dereita ou de espírito predemocrático as actuacións previas, noméanse militares para levar a cabo no seo dun órgao político accións pretendidamente non políticas. A última escena desta desgrazada obra veu da mao das declaracións do tenente xeneral Gan Pampols nomeado vicepresidente: aseverou que non é político e, en uso das súas faculdades, pediulle sensatez aos políticos.

Chegados a este punto xa pisamos zona de estupor. E non nos quedan máis que preguntas, de momento sen resposta. Despois desas declaracións constatamos que o señor Gan descoñece o significado do concepto política. Amosa un certo perigo no exercicio da súa nova función: única e exclusivamente política, mesmo por definición. Se este tenente xeneral nomeado vicepresidente do máximo órgao institucional de goberno dunha comunidade autónoma non é político, que é? Militar? Está fóra acaso do carácter político que posuímos todos os cidadáns polo feito de selo? Non é acaso eleitor e elexíbel? Os cidadáns somos depositarios dunha parte alícuota e solidaria da soberanía, segundo se define na Constitución. Este tenente xeneral non? Polo feito de ser militar perdeu o seu direito á voto? Vai ter no exercicio do seu cargo na Vicepresidencia mando militar? Ou poderá ignorar que no momento que xure ou prometa o seu cargo institucional fai un borrado automático do seu carácter profisional, calquera que fose: militar, empresario, asalariado, funcionario ou submarinista deportivo? Ou acaso os presidentes de comunidades autónomas poden declarar nalgún momento que non son políticos porque son ximnastas? Acaso para reconstruír o que está desfeito vai ter ao seu cargo unha unidade militar? E senón a ten, deberá se integrar á forza na estrutura institucional da Generalitat e exercer a súa función política sexa o que for previamente. Non estará insinuando que, dada a súa procedencia e experiencia, todo o que realice é exclusivamente atribuíbel ao seu carácter militar e que así se fan as cousas en situacións apuradas...

É tan ampla a emenda á totalidade que se pretende facer do Estado das Autonomías e do seu legal e lexítimo funcionamento que semella que en Valencia, con motivo das inundacións e das mortes traumáticas humana e socialmente falando, alguén aproveitou, manu militari, para amosar que só baixo o dominio da forza e do arredado dos “políticos” é posíbel desenluxar a terra, o enxoval, a vida cidadá en fin. A pretensión política é que o exército, sen ser o de salvación británico, veña liberar do malfacer político á vida institucional lexítima. Unha volta máis no descrédito e violación dos principios democráticos.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats