Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
La portada de mañana
Acceder
Sánchez rearma la mayoría de Gobierno el día que Feijóo pide una moción de censura
Miguel esprinta para reabrir su inmobiliaria en Catarroja, Nacho cierra su panadería
Opinión - Cada día un Vietnam. Por Esther Palomera

Cunqueiro antes de ser Cunqueiro: un libro rescata os artigos do escritor en 'El Pueblo Gallego' durante a República

Álvaro Cunqueiro (esquerda), Francisco Fernández del Riego e Ricardo Carvalho Calero na Compostela da II República.

Daniel Salgado

0

Álvaro Cunqueiro dificilmente podía imaxinar o que sucedería apenas dez días máis tarde. “Coincidamos todos en que hai que galeguizar Galiza e si o Estatuto non vai a ser un instrumento de galeguización”, escribía o 8 de xullo de 1936, “o día 28 teremos votado todos en balde”. Era o último do medio cento de artigos que o daquela novísimo escritor publicou en El Pueblo Gallego durante a II República e que agora recolle o volume O mundo e outras vésperas (Galaxia, 2022). “Meditemos os días que veñen e porque sexan mellores, porque sexan nosos, porque sexan descanso e lecer da i-alma”, seguía o texto. O golpe fascista de Franco abortaría todo desexo e o Cunqueiro que emerxeu despois da Guerra Civil xa era outro moi distinto ao deste libro, próximo ao novo réxime e mesmo por unha tempada con carné de Falange.

“O Cunqueiro que vemos nestes artigos está perfectamente integrado no ronsel da Xeración Nós e, ao tempo, é un compañeiro de angueiras dos chamados Novísimos [artistas e escritores da quinta republicana]”, explica o profesor e crítico Armando Requeixo, responsábel da edición, “esa fraternidade axuda a entender como, tras o hiato da guerra, foi posíbel a reconexión co galeguismo, a través sobre todo de Del Riego”. Sería un autor diferente pero ao mesmo tempo xa contido -considera Requeixo- na súa escrita en prensa entre 1932 e 1936. É dicir, a facturada entre os 21 e os 25 anos. Polas 216 páxinas do Mundo e outras vésperas desfilan ao cabo o Cunqueiro poeta, o Cunqueiro tradutor, o Cunqueiro crítico de arte ou o Cunqueiro comentarista literario. E comeza a súa consolidación, temporalmente adiada polo 36, como figura públicada vinculada á literatura.

“Estampas e cores. Souto en Sant-iago. Outono. Chegar […] O belo sin miragre: maravelas en fuga para o repouso dos ronseis”, di a cuartilla en honor do pintor Arturo Souto -exiliado en México despois da guerra- coa que inaugura as súas achegas a El Pueblo Gallego o 2 de outubro de 1932. O xornal, propiedade de Manuel Portela Valladares, tamén o seu director, era un dos principais na Galicia da época, con tiraxes de ate 30.000 exemplares. Os militares golpistas inacautárono antes da fin de xullo do 36. “Era o gran xornal da época”, sinala Requeixo, “e nas súas páxinas, Cunqueiro pasa de descoñecido a referente en apenas uns anos”. Tan referente que, na última etapa das colaboracións, os seus artigos aparecían anunciados en primeira plana o día anterior. “Iso dá unha idea do calibre que adquirira”, sinala o editor.

Era en todo caso un Álvaro Cunqueiro militante do Partido Galeguista, que se relaciona cos vellos nacionalistas -Castelao, Vicente Risco, Otero Pedrayo- e cos seus coetáneos: Luís Seoane, Ánxel Fole, Manuel Antonio, quizais o poeta inevitábel desa xeración, morto con 30 anos. “Era un poeta craro e quebrado, tan de vidro coma o vidro mesmo. Moitos estamos con il”, escribe no quinto cabodano do autor de De catro a catro. E está ao tanto da gran literatura do seu tempo, da que dá conta no xornal: García Lorca, Panait Istrati, Paul Verlaine, Valle-Inclán, Knut Hamsun. En paralelo ao labor xornalístico deses anos, agromaba o poeta de certa respiración vangardista, que daba ao prelo os seus primeiros libros. De Mar ao norde (1932) deixa rexistro en El Pueblo Gallego do 16 de decembro do 34, ao publicar o poema que comeza “SOL: / Cinco fiestras colgadas / da mesma i-alba rosal”.

O Cunqueiro dos xornais

Cunqueiro practicou, ao longo da súa extensa traxectoria, practicamente todos os xéneros. “Sempre se reivindicou, non obstante, poeta, malia ser libérrimo na cuestión xenérica”, di Armando Requeixo, “mais o pulso poético, lírico, está sempre presente. Hai artigos que comezan cun fío ensaístico e acaban tinxidos de poesía”. Non sempre foi así. A popularidade en vida do escritor, sobre todo a partir dos anos 60, debeuse máis á súa conexión cos medios de comunicación -chegou a dirixir o Faro de Vigo- que aos libros literarios, entende Requeixo. Pero os artigos desa etapa evoluíran a respecto dos compilados no Mundo e outras vésperas: “Sen deixar ese pouso poético, introduciu outras vías, como a do saber enciclopédico entre o real e o imaxinario”. É o Cunqueiro que traza camiños por veces borgianos, nos que o coñecemento inútil é o máis útil de todos os coñecementos, totalmente afastado da política e, así, aquiescente co estado de cousas na dictadura. Pero en El Pueblo Gallego, este Cunqueiro “aínda está en abrocho” e o que se percibe é o home integrado no galeguismo republicano, “un rapaz con toda a forza anovadora”.

Calcúlase, expón Requeixo, que o escritor produciu uns 20.000 textos xornalísticos. “O articulista é o último dos grandes continentes cunqueirianos que estamos reconstruíndo”, di, “e a de El Pueblo Gallego era unha colección aínda por mapear”. Estudosos como Xosé Enrique Costas, Iago Castro Buerger, Xesús González Gómez ou Xosé Enrique Acuña detivéranse nas incursións de Cunqueiro no xornal de Portela Valladares, pero O mundo e outras vésperas é a primera recolleita sistemática. “É o Cunqueiro inicial, cando comezaba a ser”, resume o editor do volume. Ao seu xuízo, continuarán a aparecer artigos esquecidos, pero “non será frecuente que haxa grandes coleccións por exhumar”.

Etiquetas
stats