Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
La portada de mañana
Acceder
El Gobierno tiene adjudicados nueve contratos más de compra de armas a Israel
Los dos pisos donde viven Ayuso y su pareja costaron 1,8 millones de euros
Opinión – Un polémico 2%. Por José Enrique de Ayala
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Galicia é Europa, evidentemente

Puente internacional entre Tui (Galicia) y Valença do Minho

2

“As grandes potencias témense unhas ás outras. Míranse con sospeita e están preocupadas por se a guerra pode estar ao lonxe. Anticipan o perigo. Hai pouco espazo para a confianza entre Estados”. (The Tragedy of Great Power Politics, John Mearsheim)

Foi Obama quen decidiu o xiro cara ao Pivot Asia. A partires da sua administración, esa rexión do planeta foi o foco prioritario da política estadounidense. O primeiro Trump, Biden e o segundo Trump continuaron con ese enfoque. O motivo é evidente: China representa unha potencia con capacidade de discutir a hexemonía americana. Hoxe cada un dos dous estados representa aproximadamente o 20% do PIB mundial. A guerra tecnolóxica entre as dúas potencias, coas súas implicacións económicas e militares, que vén agrávandose dende hai unha década, decidirá en grande medida cal será o gañador. A guerra dos aranceis constitúe outra fase desa política. Ninguén sabe que pode suceder no futuro, pero a experiencia histórica, en circunstancias similares, deberíanos facer estar alerta. A bon entendedor, poucas palabras abondan.

Kishore Mahbubani, antigo presidente do Consello de Seguridade de Nacións Unidas, escribiu hai uns anos un libro, Has China Won?, no que concluía: “Un grande combate xeopolítico entre América e China é á vez inevitable e esquivable”. E aquí estamos. Boa parte do que fai Trump é inintelixible, sobre todo no que respecta aos modos. O seu histrionismo, que busca confundir e intimidar, non se ve que función ten na escena internacional -xa todo o mundo lle pillou a medida e, dende logo, Putin- pero nos equivocariamos se non tomaramos en consideración as continuidades da política estadounidense e se o reduciramos todo á cuestión dun líder choqueiro e carnavalesco.

Sánchez foi falar con Xi Jinping. Foi Sánchez falar con Xi Jinping ? Non. Foi a UE. Está prevista dentro dun tempo unha viaxe de Ursula von der Leyen e António Costa ao país asiático. Polo momento, a UE está sabendo tomar decisións de conxunto fronte ás ameazas, non só económicas, de Trump e o seu equipo. Na UE, o país máis grande, e o que decide en maior medida, é Alemaña. E foi Alemaña quen, despois de anos de vacilación, decidiu promover a autonomía estratéxica. A súa decisión de aumentar o seu gasto militar é un xiro en toda regra. Os motivos de fondo: a súa economía foi golpeada ao ter que prescindir do gas ruso; se os intercambios coa China fosen eliminados ou reducidos, sufriría. Necesita, literalmente, autonomía. Capacidade de negociación.

Nunha interesante entrevista neste mesmo diario, Mahbubani afirma: “Todo europeo debería coñecer a seguinte estadística: en 1980, a economía de Europa era dez veces maior que a de China. Hoxe, teñen un tamaño similar. Para 2050, a economía europea será a metade da chinesa. Cando un continente pasa de ser dez veces máis grande que a China en 1980 a representar só a metade en 2050, debe cambiar a súa mentalidade”.

Máis revista de prensa: Arancha Gónzalez Laya, ex-ministra de Asuntos Exteriores, escribía, tamén en elDiario.es: “O mundo está cambiando, e con él, tamén debe facelo Europa. En tempos de incerteza global, necesitamos máis Europa, non menos. Máis mercado único europeo para construir resiliencia interna. Máis alianzas con terceiros países para consolidar o noso papel no mundo. Máis investimento en regras de xogo internacionais porque o poder sen dereitos non é sostible a longo prazo”. Amén: pura racionalidade ilustrada, que é o que se supón que é Europa. O título do artigo: A era do depredador: Estados Unidos contra o mundo.

O punto a remarcar é o das alianzas con terceiros países. Europa non debe ceder ante Trump. Debe poder comerciar con quen queira sobre a base dos propios intereses, que non son os mesmos que os dos Estados Unidos. Fronte á hostilidade de Trump, a Unión Europea debe preservar as relacións multilaterais no seu propio beneficio. Tamén con Beijing. Tratando de normalizar as relacións comerciais e o investimentos mutuos. A iso foi Sánchez a China.

E, que hai de Galicia? Galicia é Europa. E o que lle suceda a Europa, sucederalle a Galicia. É unha evidencia que, ao parecer, non todos conseguen entender rectamente. A economía galega é extraordinariamente aberta, así que toda turbulencia planetaria impactará entre nós con especial virulencia. Os principais destinos para as exportacións galegas -Francia, Portugal, Italia, etc- están nas fronteiras da UE, pero unha guerra global de aranceis causaría danos en todos eses países, reducindo o crecemento económico e, por tanto, o fluxo de servizos e mercadorías.

Unha clausura do libre comercio sería un corsé para a economía galega, que funcionou moi ben no marco da globalización e da UE, liberándose, por exemplo, da camisa de forza que impedía a relación económica con Portugal. A propia creación da Eurorrexión non se entendería sen a UE. Para as empresas galegas, comezando por Inditex, e seguindo por (case) todas as demais, a globalización foi positiva. No que respecta especificamente ao país asiático, Diego Sande dá conta das relacións económicas China-Galicia neste artigo. Por suposto, moitas cousas non se fixeron ben. Tamén hai que saber mirarse a viga no ollo. A ausencia de control sobre as caixas de todas as administracións, por exemplo, foi clamorosa. Que moitas empresas, hoxe mesmo, nazan e medren para, inmediatamente, ser vendidas a capital foráneo, -que igual que vén, marcha- é unha pauta de conduta que di algo de nós, supoño. Fenosa foi todo un exemplo, ao parecer.

Máis aló do económico, se a Unión Europea se desmoronase, sería unha mala noticia. O peso da extrema dereita -que busca o retorno do poder aos estados- facilitaría esa implosión. Os conflitos escalarían e ninguén está en condicións de predicir o que sucedería. Pero, seguro, non sería bo. Nin para a paz, nin para o benestar, nin para o progreso, nin para a democracia: esas palabras que parecen non significar nada cando se dan por descontado. Máis aló do seu lado escuro, que o ten -véxase o silencio e inacción fronte á masacre de Gaza que deixa en mal lugar a retórica dos dereitos humanos-, a implosión da UE sería unha catástrofe.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats