Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
Heroes da fachenda
![Elon Musk, propietario de X, fai o saúdo nazi durante o desfile inaugural dentro do Capitol One Arena, en Washington DC (Estados Unidos), o 20 de xaneiro de 2025.](https://static.eldiario.es/clip/87342929-2854-4ac4-b134-ddea9da30a9d_16-9-discover-aspect-ratio_default_1109944.jpg)
“Fato” era unha expresión moi usada por miña mai. Supoño que porque en todo momento e lugar o número de fatos é case infinito. Miro no dicionario da RAG e tradúceno por “necio, estúpido”. Pero tal e como o usaba ela incorporaba o sentido de fatuo, fachendoso, presuntuoso: individuo/a que, ademais de idiota, carece do sentido da modestia. Por algún motivo a nosa é unha era de fatos. Se a memoria non me falla Hegel usaba moito a expresión “o esforzo do concepto”: xente que use moito a cabeza non vexo moita. O normal é estar abducido polo propio traseiro que, ao parecer, causa un interese inacabable. O que, dalgún xeito, pode comprenderse, pero non deixa de ser unha grave limitación.
Unha era de fachendosos. Trump, Milei, Musk, Ayuso, sono dunha maneira ostentórea, para dicilo ao modo clásico. O seu narcisismo non se lle oculta a ninguén. Tampouco a súa extrema superficialidade.
Pero atraen. Por que? Esa é a pregunta. Por que a nosa época se sinte interpelada por ese estilo? Hai case corenta anos Hans Magnus Enzensberger, nun celebrado escrito, Os heroes da retirada, despois de constatar que “a chamada grande política mantívose ata hoxe aferrada e entregada ao clásico esquema heroico”, afirmaba: “Quen queira alegrarse do extraordinario encollerse da estrutura heroica non ten máis que comparar a Churchill con Thatcher, a De Gaulle con Mitterrand ou a Adenauer con Kohl”. Despois pasaba a enunciar esta tese: “O lugar do heroe clásico pasouno a ocupar xente que non representa o triunfo, a conquista, a vitoria, senón a renuncia, a demolición, a desmontaxe”. En definitiva, heroes da negociación e a retirada. Entre eles citaba a Kruschev, Súarez e, sobre todo, Gorbachov. Tamén eles encerraban unha dimensión tráxica. Gorbachov, “como corresponde a un heroe, é un home moi solitario”.
Parece que pasou un millón de anos. Hoxe volven impoñerse profetas armados. Profetas que forman parte do sistema. Dan a impresión de comportarse coma monicreques, recitando barrabasadas. Pero estes monicreques son ídolos. Ídolos que electrizan os seus seguidores. Monicreques-ídolos que, se nada os para, farán o que prometen. Non son puro teatro, aínda que o pareza. As paixóns que mobilizan son negativas. Medo, ira, odio. Por así dicir, contribúen a aumentar a escuridade das almas. Polo demais, trátase de xente que personalmente se sinte a salvo de calquera continxencia desastrosa. Nada do que fagan lles será demandado. Ou así o sinten. Son fundamentalmente, profundamente irresponsables. A traxedia será para os destinatarios das súas accións. Eles están alto, moi alto, máis que Xulio César ou Augusto, ou Qianlong, o fillo do ceo. Ou así o cren.
Así que a pregunta é: que pasou nestes corenta anos para que o mundo volva a coquetear co abismo?
Parte do asunto é que os novos líderes da catástrofe non xogan coas regras de ningún tipo de racionalidade. Son puro espectáculo. Insolencia e desfachatez. Parodia e astracanada. E a reacción do público ante o espectáculo é quedar fascinado por el. Hipnotizado, como se dicía que determinadas serpes cazaban ás súas presas. Quen está á beira de Trump? Non os magnates do petróleo, o automobilismo ou as finanzas, senón os donos da atención. X, Google, Meta, Amazon, Apple. Quen captura a atención do público a través da provocación, gaña. Modifica dun modo brutal o marco previo de referencia.
Ao mesmo tempo, todo exhala unha sensación de irrealidade. Poucos entre os espectadores son capaces de crer que de verdade sucederá o que predican os seus ídolos. Menos aínda os capaces de pensar ou obrar con xuízo. Iso aumenta o perigo de que, cando suceda o peor, sexa xa demasiado tarde.
A orde mundial liberal pos-1945, baseada nos dereitos humanos, os valores universais, etcétera, por máis hipócrita que fose, está desaparecendo. Europa como forma de vida, resistirá? Resistirán a libertade e os dereitos sociais? Poderán os nosos fillos vivir coma nós o fixemos? Estamos no momento do retorno dos imperios, da contrarrevolución conservadora e da lóxica do poder espido. Nas últimas décadas as culturas políticas da esquerda foron barridas. Reconstruír o ideal dunha sociedade humana sobre esas cinzas forma parte da tarefa. Dende logo, non o despotismo da URSS, nin de nada que se lle pareza, será o punto de partida. A liberdade, a idea de que o futuro non está decidido e de que hai múltiples camiños que poden seguirse, si.
A extrema dereita atrapa a imaxinación das multitudes precisamente polo seu radicalismo, que ofrece solucións drásticas. Naturalmente, esas solucións poden conducir ao inferno pero iso os que as aplauden só o saberán despois. E eles, ese pobo do que hai que desconfíar, borrará da súa mente a súa contribución á catástrofe e protestará a súa inocencia. Tamén el quererá ser irresponsable.
Se o progresismo non é capaz de propoñer un horizonte utópico alternativo -un que pase pola defensa da democracia liberal- non será capaz de impedir que a crueldade, como modo de pensamento e acción, se expanda. Estamos nunha mudanza de época, máis que nunha época de mudanzas. Así hai que velo. A base de usar unha lingua de madeira prefabricada e convencional, falsa e estereotipada ata os cimentos, non se chegará moi lonxe. Tal vez hai que extraer algunha conclusión do feito de que a voz humana que se enfrontou a Trump para pedirlle clemencia con migrantes e persoas LGTB fóra a dunha bispa episcopaliana, do mesmo modo en que o Papa Francisco está o primeiro da lista entre os grandes opositores á súa política de deportacións.
Sobre este blog
Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
1