Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Quen manexa a app do Sergas...?

El conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, en el centro de la imagen

0

Aos 73 anos, miña avoa acaba de crear unha conta en Facebook. Fun o seu primeiro amigo. Na foto do perfil colocou unha árbore con flores dun rosa brillante —seguramente sacada dalgunha das viaxes que fixo co avó nos últimos anos por España e Portugal, sempre en autobús— e na imaxe da portada, puxo un prado con froiteiras sen follas nin froito. A única información pública coa que agasallou ao algoritmo da app son o seu nome completo e a súa data de nacemento: o 22 de agosto de 1951. Ese mesmo día, pero en 1993, casaron meus pais.

O caso é que imaxino que miña avoa non instalou ela mesma a aplicación, nin tampouco creou ela soa ese perfil. Seguramente si escolleu as fotos. Imaxino o seu móbil nas mans das miñas primas ou dos meus tíos. Imaxínoa con ganas de aprender, con ansia de ver máis por detrás das súas lentes de montura lixeira. As cousas que eu aprendín de miña avoa son tantas e tan variadas que non collen nun artigo de prensa, nin hai enumeración caótica que lles faga xustiza. Ela está en todas partes cada vez que fago algo. Ela está nos poemas que xa escribín, no libro que escribo, na maneira en que discuto, no xenio. Ela está no xeito en que entendo o mundo, a vida e mais a morte. En fin, o que quero dicir, é que imaxino a miña avoa aprendendo a usar Facebook e vólvome ver a min mesmo sentado no seu colo, dentro da barra do bar, facendo xuntos os pasatempos do xornal, seguro como estou de que este é sempre un camiño de ida e volta.

“La gente mayor maneja la app del Sergas que te cagas”, dixo hai dúas semanas o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, que horas máis tarde saíu pedir desculpas polas maneiras, nunca polo fondo. A tese do titular da Xunta a este respecto —aínda que non se coñecen datos oficiais— é que as entradas á aplicación por parte dos usuarios maiores son altísimas. E todo isto a que vén? Pois a que, segundo eles, quizais as persoas de máis de 65 anos non deberían acudir tanto ao centro de saúde e realizar máis xestións online ou vía telefónica. Vén, coma sempre, a que a tecnoloxía chegou ás nosas vidas non para facilitalas, senón para facelas máis precarias. Ou polo menos, sempre e cando os que manexan os seus usos, os que seguen decidindo, sexan xente con máis pinta de ruín que Danny DeVito interpretando o Pingüín de Batman Returns.

Supoño que un dato que á Xunta non lle interesa saber —agora que anda encargando enquisas coma churros— é cantas desas chamadas ou citas online realizadas dende os móbiles dos maiores na sanidade pública son atendidas ou xestionadas en realidade polas persoas que as acompañan ou lles prestan axuda: un familiar, unha veciña, a súa farmacéutica de confianza. Ao conselleiro a rede de coidados tanto lle ten mentres a cousa siga tirando. Ás anciás e anciáns acabaralles pasando coa sanidade o mesmo que cos bancos: que os abandonarán, que os deixarán na rúa mirando para unha máquina, que se negarán a atendelos e farán que se sintan culpables se non queren aprender, ou non poden, ou non saben. E así con todo.

Ultimamente intento fixarme na nosa capacidade para seguir adiante malia ás adversidades. Busco optimismo nas formas diarias de resistencia, na solidariedade dos demais. Na maneira en que evitamos ao sistema cando o sistema insiste en esmagarnos. Ás veces, sinto que é un milagre que sigamos vivos. Literalmente. E se non, que llelo digan aos centos de persoas que agardan probas e diagnósticos nas listaxes do Sergas..

De miña avoa aprendín que cando todo falla, sempre parece quedar en algures unha fe estraña nun mesmo. Esa fe pode tomar a forma que queiramos: un santo pequeno, unha capela, unha fonte ou un smartphone. O importante é acudir a ela cun propósito firme. O meu, sempre que escribo aquí, é que deixen de afogarnos, é sinalar unha fenda a través da que respirar e facernos mais fortes. E, se cadra, agora tamén, que miña avoa comece a lerme no Facebook.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats